Regulamento do Traballo Fin de Grao

Preámbulo

Coa chegada da implementación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), o TFG pasa a ter a consideración de asignatura dende o punto de vista de matrícula, docencia, avaliación e cuantificación en créditos:

  • Respecto á matrícula, os créditos do traballo forman parte dos 60 ECTS de que consta un curso académico a tempo completo e, polo tanto, esta debe formalizarse ó comezo do curso ou semestre no que se vaia a realizar o traballo.
  • En relación coa docencia do traballo, a tradicional lección maxistral por parte do profesor nunha asignatura súplese aquí coas horas necesarias de titorías que permitan a supervisión, orientación e seguimento do alumno durante o desenvolvemento do mesmo.
  • Respecto á cuantificación en créditos, deberá velarse, tanto por parte do director do traballo como dos tribunais de avaliación, por que o esforzo que precise o alumno para o desenvolvemento e consecución do TFG sexa de entre 25 e 30 horas por crédito ECTS asignado ó mesmo.

 

1. Cadro Normativo

Artigo 1

A presente normativa elabórase co fin de regular a definición, asignación, elaboración, presentación, defensa, avaliación e tramitación administrativa dos Traballos Fin de Grao (TFG) que se desenvolven nas titulacións oficiais adaptadas ó RD 1393/2007 adscritas á Escola de Enxeñería Industrial (EEI) da Universidade de Vigo.

Son aplicables, por estar relacionados directamente coa presente normativa:

  1. O Real Decreto 1397/2007 de 29 de outubro, modificado polo Real Decreto 861/2010 de 2 de xullo, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
  2. A Orden CIN/351/2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.
  3. As Memorias Verificadas das titulacións afectadas pola presente normativa.
  4. O Regulamento para a realización do TFG da Universidade de Vigo.

Artigo 2

En caso de incompatibilidade, o establecido nos anteriores documentos prevalecerá sobre o especificado nesta normativa.

 

2. Enfoque do Traballo

Artigo 3

O TFG representa, na maioría dos casos, o primeiro contacto formal do alumno coa realidade profesional na que se vai a integrar ó finalizar os seus estudos e, como actividade formativa que é, pretende que o alumno realice, de xeito activo, un traballo aplicado e de conxunto, frecuentemente multidisciplinar, no que poña en práctica as competencias que se lle van a requirir no exercicio da profesión. Dende este punto de vista, debe consistir nun trabalo individual de suficiente nivel e complexidade onde se engloben os seguintes perfís:

  1. Perfil académico, que require do alumno a integración e aplicación de coñecementos adquiridos ó longo dos seus estudos.
  2. Perfil profesional, no que se trata de resolver un problema de enxeñería mediante a integración dun conxunto de conceptos, desenvolvementos, resolucións, e toma de decisións a partir das cales o alumno amose a súa capacitación para atopar unha solución viable dende os puntos de vista tecnolóxico, orzamentario e de execución material, así como para a comunicación efectiva dos procedementos seguidos e resultados acadados.

Artigo 4

Dentro dos perfís anteriores, os traballos poden corresponder a algunha das seguintes modalidades:

  1. Proxectos clásicos de enxeñería, que poden versar, por exemplo, sobre o deseño e incluso a fabricación dun prototipo, a enxeñería dunha instalación de produción, ou a implantación dun sistema en calquera campo industrial. Polo xeral, neles desenvólvese sempre a parte documental da memoria (cos seus apartados de cálculos, especificacións, estudios de viabilidade, seguridade, etc. que se precisen en cada caso), planos, prego de condicións e presuposto e, en algúns casos, tamén se contempla a fase de execución material do proxecto.
  2. Estudos técnicos, organizativos e económicos consistentes na realización de estudos relativos a equipos, sistemas, servizos, etc., relacionados cos campos propios da titulación, que traten un ou mais aspectos relativos ó deseño, planificación, produción, xestión, explotación e calquera outro propio do campo da enxeñería, relacionando cando proceda alternativas técnicas con avaliacións económicas e discusión e valoración dos resultados.
  3. Traballos teórico-experimentais de natureza teórica, computacional ou experimental, que constitúan unha contribución á técnica nos diversos campos da enxeñería incluíndo, cando proceda, avaliación económica e discusión e valoración dos resultados.

Artigo 5

Os traballos poderán realizarse nas instalacións da EEI, doutro centro universitario, dun centro de investigación, ou dunha empresa. Sen embargo, as modalidades establecidas anteriormente exclúen os traballos de carácter parcial ou limitado, como son os informes que se poden realizar ó rematar a estancia nunha empresa, ou as memorias dos traballos desenvoltos durante a permanencia na mesma.

 

3. Matriculación do Traballo

Artigo 6

A matrícula do TFG deberá ser formalizada antes de poder comezar a súa realización dado que, aínda que non exista docencia como tal, é necesario asegurar o asesoramento por parte do profesor ou profesores asignados como directores.

Artigo 7

O alumno poderá efectuar a matrícula do traballo nos mesmos prazos e forma que o resto de materias do plan de estudios, sempre que estea matriculado da totalidade das materias non superadas necesarias para a obtención do título de grao correspondente.

 

4. Proposta e Tutela do Traballo

Artigo 8

A proposta de traballos poderá partir tanto de profesores como de alumnos da titulación de grao que corresponda, en calquera período do curso académico.

Artigo 9

A proposta do alumno poderá ser a título individual ou ter vinculación co traballo desenvolto por unha empresa, por un centro ou instituto de investigación ou por unha universidade estranxeira no caso de que o alumno realice o traballo dentro dun dos programas de intercambio existentes na EEI. No caso de que o tema sexa proposto por unha empresa ou por un centro ou instituto de investigación externo, e co fin de que o traballo se poida desenvolver nas súas instalacións, deberá formalizarse un convenio de colaboración educativa entre a EEI e a empresa ou o centro ou instituto de investigación externo.

Artigo 10

A Comisión Permanente da EEI deberá asignar antes do comezo do segundo semestre un director de TFG a tódolos alumnos que non o teñan e así o soliciten despois de ter formalizado a matrícula do traballo ó inicio do semestre correspondente.

Artigo 11

Os traballos estarán dirixidos polo menos por un profesor con docencia nalgunha das titulacións da EEI, o cal será o responsable académico do TFG. Poderán ser codirectores profesores universitarios, os investigadores adscritos a algún departamento ou a algún centro ou instituto de investigación, así como os titulados superiores e graduados da rama industrial no exercicio da profesión.

Artigo 12

Correspóndelle á Comisión Permanente da EEI a aprobación de:

  1. O título e o tema do TFG.
  2. O director ou directores do TFG. 

Artigo 13

O título, o tema e os directores, unha vez aprobados pola Comisión Permanente, terán unha vixencia de dous anos. Pasado este período o alumno deberá realizar unha nova solicitude de asignación de título, tema e directores.

 

5. Depósito do Traballo

Artigo 14

O alumno, unha vez rematada a realización do TFG, deberá depositalo nos servizos administrativos da EEI. Para o depósito do TFG deberá entregar os seguintes documentos co formato que especifique a Comisión Permanente:

  1. Informe favorable dos directores do traballo no que se autorice a súa defensa.
  2. Resumo executivo coa indicación das conclusións e aportacións máis relevantes do traballo.
  3. Unha ou varias copias do traballo.
  4. Unha copia do traballo en formato electrónico.

O director do TFG deberá entregar, polo procedemento que estableza a Comisión Permanente da EEI, un informe valorando o TFG.

Artigo 15

A documentación correspondente á memoria do traballo realizado deberá estar redactada en galego, castelán ou inglés, excepto no caso de alumnos estranxeiros en programas de dobre titulación na EEI que deberán redactar a documentación en galego ou castelán.

 

6. Tribunais de Avaliación

Artigo 16

Constituirase un tribunal de avaliación por cada dez TFG ou fracción, que avaliará os traballos nunha sesión única. Na medida do posible, o tribunal avaliará traballos sobre temáticas similares.

Artigo 17

Os tribunais estarán formados por tres profesores adscritos á EEI:

  1. O director da EEI, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente.
  2. Un secretario, ou o seu suplente.
  3. Un vogal, ou o seu suplente.

Artigo 18

O secretario, o vogal e os seus suplentes serán profesores con docencia na EEI elixidos seguindo o procedemento que estableza a Comisión Permanente. Na media do posbile, o secretario será de distinta área de coñecemento que o vogal, así como os suplentes que os substitúan. O presidente, o secretario e o vogal, así comos os suplentes que os substitúan, non poderán ser directores de ningún dos TFG que se avalíen na sesión.

Artigo 19

O tribunal de avaliación constituirase coa presenza do presidente, un secretario e un vogal.

Artigo 20

A participación do profesorado da EEI nos tribunais de avaliación é obrigatoria. A participación nos tribunais de avaliación de TFG será recoñecida, na medida do posible, no POD do profesor.

 

7. Defensa do Traballo

Artigo 21

A defensa do traballo so poderá realizarse unha vez que o alumno teña superado tódolos créditos restantes da titulación. A Comisión Permanente da EEI establecerá un calendario académico para as defensas públicas dos TFG.

Artigo 22

O presidente do tribunal de avaliación convocará cunha antelación mínima de tres días hábiles ós membros do tribunal e ós alumnos autores do TFG.

Artigo 23

A defensa do TFG consistirá nunha exposición do traballo en sesión pública durante un tempo máximo de quince minutos seguida dunha quenda de preguntas durante un máximo de cinco minutos nos que os membros do tribunal poderán formular as preguntas que estimen oportunas.

Artigo 24

A defensa do TFG poderá realizarse en galego, castelán ou nun dos idiomas que recolla a memoria de verificación do título.

 

8. Cualificación e Revisión do Traballo

Artigo 25

Cada membro do tribunal de avaliación realizará un informe individualizado de xustificación da cualificación outorgada a cada TFG empregando o formulario correspondente e tendo en conta os criterios de valoración que estableza a Comisión Permanente da EEI. O tribunal cualificará cada TFG tendo en conta as cualificacións outorgadas por cada un dos membros nos seus informes e o informe de valoración feito polo director do TFG. O presidente deberá conservar estes informes por si foran necesarios nunha posterior solicitude de revisión da cualificación.

Artigo 26

Unha vez comprobado que o alumno reúne os requisitos establecidos no artigo 21 deste regulamento, o tribunal fará pública a cualificación do seu TFG.

Artigo 27

Rematada a sesión tódolos membros do tribunal asinarán a acta de cualificación correspondente e o secretario entregará esta acta nos servizos administrativos da EEI.

Artigo 28

De non estar conforme, o alumno poderá solicitar a revisión da cualificación do seu TFG seguindo o procedemento de revisión de cualificacións establecido pola Universidade de Vigo.

 

9. Alumnos de Intercambio

Artigo 29

Os alumnos alleos de dobre titulación en programas de intercambio na EEI realizarán o obrigatoriamente o seu TFG na EEI.

Artigo 30

Os alumnos propios da EEI en programas de intercambio poderán desenvolver o TFG na institución de destino e será de aplicación o establecido na presente normativa. En todo caso, o TFG deberá ser presentado e defendido na EEI, A cualificación final asignarase despois desta presentación.

 

10. Propiedade Intelectual do Traballo

Artigo 31

Ós efectos da propiedade intelectual son coautores do TFG o alumno que o realizou e os profesores que figuren como directores do TFG.

Artigo 32

Para a consulta dun TFG na biblioteca da Universidade de Vigo ou nos departamentos ós que estean adscritos os directores do TFG non será preciso obter consentimento expreso dos seus autores.

Artigo 33

Sempre que se faga referencia a un TFG dentro do ámbito docente da Universidade de Vigo farase constar o nome dos seus autores, sen que sexa preciso o seu consentimento expreso.

Artigo 34

O uso do TFG para fins que produzan beneficios económicos, directa ou indirectamente, requirirá o consentimento expreso dos seus autores, dos que en todo momento se fará constar os seus nomes. Asimesmo, os autores terán dereito a percibir os beneficios correspondentes polos seus dereitos de autor.

Artigo 35

A propiedade intelectual do TFG, no seu conxunto ou en calquera das súas partes, corresponde no 50% ó alumno e no 50% restante ós directores do TFG, de tal modo que o TFG considerarase unha obra de colaboración entre o alumno e o directores de acordo co artigo 7 do Real Decreto Lexislativo 1/1996 que establece o texto refundido da Lei da Propiedade Intelectual.

 

11. Disposición Adicional

A resolución de tódolos problemas e asuntos relacionados co TFG corresponderá á Comisión Permanente da EEI.

 

Aprobado pola Xunta de Escola o 21 de xullo de 2015.