Normativa para a selección de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial para o programa de mobilidade Erasmus

1. Obxecto

A convocatoria de bolsas ERASMUS para o curso 2017-2018, correspondente á resolución reitoral do 12 de decembro de 2016 da Universidade de Vigo, establece no punto 6, acerca da “Selección”, que:

A ORI enviará aos/ás responsables de relacións internacionais dos centros respectivos as solicitudes presentadas para que en cada centro se efectúe a selección dos/as bolseiros/as segundo os criterios establecidos por cada centro.

A selección dos/as estudantes realizarase nos centros, polas comisións establecidas a este efecto e será notificada á ORI.

E no punto 7, acerca da “Resolución e notificación”, que:

En cada centro publicarase unha relación provisional de bolseiros/as seleccionados/as e concederase un período de reclamación de 5 días hábiles.

Os/As responsables de relacións internacionais dos centros remitirán á ORI as listaxes completas dos/as estudantes seleccionados/as (nome e apelidos, DNI, destino adxudicado e duración da estadía).

Esta normativa establece o procedemento de selección, resolución e notificación dos estudantes de mobilidade ERASMUS para o curso 2017-2018 na Escola de Enxeñería Industrial (EEI) da Universidade de Vigo.

2. Criterios de selección de estudantes

A selección dos estudantes da EEI para o programa de mobilidade ERASMUS será realizada atendendo ós seguintes criterios:

  1. Seleccionaranse unicamente alumnos de Grao que teñan superados todos os créditos ECTS do primeiro curso da titulación e polo menos 30 créditos ECTS do segundo curso.
  2. Seleccionaranse preferentemente alumnos do Mestrado en Enxeñería Industrial que teñan superados polo  menos 18 ECTS do primeiro cuadrimestre do primeiro curso de mestrado.
  3. Terán prioridade na selección aqueles estudantes de Grao e Mestrado que non teñan realizado unha estadía de mobilidade académica durante os seus estudos de Grao. 
  4. Terán prioridade na selección os estudantes que teñan maior puntuación (P) de acordo co seguinte baremo: P=S(7,5*Me/Mt+I)

Onde S é o número de créditos superados polo estudante na titulación, Me é a nota media do expediente do estudante, Mt é nota media da titulación e I valora o coñecemento do idioma do pais de destino en función do nivel acreditado polo estudante dentro do marco común europeo de referencia para as linguas:

 

Nivel I
A1 0,25
A2 0,50
B1 1,00
B2 1,50
C1 2,00
C2 2,50

 En igualdade de puntuación, terán preferencia os alumnos que teñan cursado asignaturas implantadas en inglés.

 

3. Selección de estudantes e adxudicación das prazas

A selección dos estudantes da EEI e adxudicación das prazas do programa ERASMUS será realizada pola subdirección de relacións exteriores.

Seleccionaranse os estudantes da EEI segundo os criterios detallados no punto anterior. Cada praza do programa ERASMUS estudos adxudicaráselle ó estudante que teña maior puntuación no proceso de selección e que ademais cumpra cos requirimentos da praza:

  • Requirimentos de idiomas da praza.
  • No caso de que a praza teña asignado como titor un profesor da EEI, o estudante debe de contar coa carta de aceptación deste titor. O estudante debe cumprir os requisitos esixidos no listado de prazas do programa ERASMUS estudos anexo á convocatoria.

A adxudicación de cada praza estará condicionada a que na data de admisión fixada pola Universidade de destino, o estudante non teña pendente de superar un número de créditos ECTS superior ó indicado na táboa seguinte para rematar a titulación, sen prexuízo de que o titor de destino esixa un número de créditos pendentes de superar menor:

 

Titulación
Créditos ECTS
Titulacións de Grao

0 de 1º e 2º curso

36 de 3º e 4º curso (*)

Mestrado en Enxeñería Industrial 6 de 1º curso de mestrado
(*) Non se terán en conta os 12 créditos ECTS correspondentes ó traballo fin de grao nin os 6 créditos ECTS correspondentes á materia optativa ou de prácticas en empresa

 

4. Publicación da relación provisional de bolseiros e alegacións

A relación provisional de bolseiros seleccionados publicarase na web da EEI e a través da lista de distribución de correo electrónico eei.alumnos@listas.uvigo.es.

O alumno dispoñerá de cinco días hábiles, contados a partir da data de publicación da lista provisional, para presentar alegacións.

Xunto coa resolución publicarase un listado de prazas libres non cubertas. Os alumnos en lista de espera poderán optar a algunha destas prazas dirixindo unha instancia á atención do Director da EEI acompañada da carta de aceptación do titor del destino, no caso de ser necesaria.

 

5. Resolución de incidencias

Delégase na dirección da EEI a resolución de tódalas incidencias que xurdan no procedemento de selección de estudantes para o programa ERASMUS estudos.

 

Aprobado pola Comisión Permanente da EEI na reunión celebrada o 26 de xaneiro de 2017.