Prácticas Extracurriculares

Son prácticas extracurriculares aquelas que se realizan con carácter voluntario durante o período de formación e que, aínda tendo os mesmos fins que as prácticas curriculares, non forman parte do correspondente plano de estudos.

A organización docente das prácticas extracurriculares farase no sistema ECTS, de cara ó seu reflexo nos expedientes académicos, no Suplemento Europeo ó Título e en calquera outro documento acreditativo.

 

Xestión das Prácticas Extracurriculares

As prácticas extracurriculares son xestionadas pola Fundación Universidade de Vigo (FUVI) de acordo coa normativa aprobada pola Universidade de Vigo.

 

Duración e Horario

A súa duración e horario establecerase procurando garantir o correcto desenvolvemento e seguimento polo alumnado.

A duración máxima será de 6 meses por curso académico e poderá realizarse ó longo de todo o ano.

A xornada diaria aconsellable será de 5 horas, pero pode ser superior nos seguintes casos:

  • Durante os períodos non lectivos ou cando se xustifique a non existencia de carga lectiva durante as prácticas
  • Se ó estudante seleccionado só lle quedan por superar 15 créditos para rematar a titulación

 

Bolsa de Prácticas

A empresa ou entidade convocante da práctica concederá unha axuda con carácter de bolsa que será proporcional ó Salario Mínimo Interprofesional no pais onde teñan lugar as prácticas, en función do número de horas. Será opcional nos seguintes casos:

  • Organismos públicos e entidades sen ánimo de lucro durante un máximo de 3 meses
  • Durante un tempo equivalente a 240 horas horas (aplicable unha única vez por alumno na mesma empresa)